MINIFUNDISMO LITERARIO A UN CLICK. XA CHEGACHES

Literatura de subsistencia para o século XXI, cos pés nesta terra e a cabeza no mundo.
Resistindo desde a poética de autoconsumo plurilingüe e libre, colocando letras contra barrioncas
e ti estás aí, eis o miragre.

miércoles, 30 de septiembre de 2009

Voltas



Encantaríame decircho con só unha palabra, neste caso, con só un adxetivo, pero...quén o ten?

Quén é o que acocha esas palabras que nos aforrarían o esforzo? Cal é o interés que ó leva a gardalas para él e non poñelas no diccionario?
Cómo che explico eu agora? Dando mil voltas arredor teu? Porque mira que arredor miña xa teño dado unhas cuantas. Imaxina, dende onte polo serán ata agora mesmo incluso.

Din tantas voltas, que cheguei a dubidar si polas rúas eu non existía para os demais, ou pola contra, se eu mesmo podía enchelas. Podo ser calquera de vos. Quen son? É esta a miña casa? é que non sei se teño estado aquí, por mais voltas que de, non me atopo.

salio fora, non me preguntes como o fixen nin por qué. Onde vou? e....estou seguro de que quero ir? Coido que non, mais, vou. As voltas é o que teñen, que te poden poñer en calquera sitio e de calquera maneira.
E de calquera maneira, foi como me atopei en calquera sitio. Querendo fuxir da intensidade. Escapei tantas veces, que rematei dándome de fociños contra ela, intensamente.

E agora? Que desculpa lle poño? Quédome cinguido a ela? como dous borrachos amigos que nunca antes se viran? Logo me da por insultala como por darlle bicos. Logo me dan ganas de berrarlle, como se non fosen eses detalles, pensar en morrer.
E quédome durmido, ou fago que durmo? Porque agora dou voltas pola cama, e non sei si é por atopar un burato entre as sabas onde acocharme das emocións que me fan mover ó dobre de velocidade, ou por brincar canto antes da cama para ir na procura delas. Tamén teño algo de adicción.
E volvo percorre as rúas, procurando, poñéndome peste, vindo e marchando, xogando as acochadas, confundíndote cada vez mais.
Vou dar unha volta, a ver si atopo ó cabrón que garda a palabra para aforrar todas estas voltas arredor teu.
Terá gardadas mais palabras que son miñas?
Vou dar unha volta.


Roi Xeira

jueves, 24 de septiembre de 2009

SOLAINA DO MEU ASOMBRO

No repouso torradeiro da solaina
desfiando na condición que agora teño,
acredítome espantallo de neve,
agasallado pola luz da vida.

Por irada decisión imposta
estremezo en cativiña fervenza
aniñando nas agarimosas fendas,
da vella madeira onde me deito,
matinando infindamente en deslacrar o abrente.

Pra mín,días de sol e auga limpa.
Intramuros,dubidosos arrecendos a ternura,
laios acedos da invernía,
inutis camiños de tristura,
cancelas na quintana da ledicia.

Aínda que me vista ruín traxe
sempre haberá un dereito.
Pra que non fecunde a miseria:
afiado o gume da coitela
e o nome do verdugo,quieto.

Non haberá indemnizamento,
de difuminalo,que se encargue o tempo,
é o desexo que eu teño.

lX.lX.lX

miércoles, 26 de agosto de 2009

POLITICA

(Microrrelato nacido dunha fermosa reunión. Ideas de Aitor e de Toño, especialmente; para eles)

O asesor especial de asuntos xurídicos do presidente emitiu un informe no que se aconsellaba, previo exame da lexislación internacional en materia de xenocidios e crimes contra a humanidade, o método do DNI, a saber, a purga selectiva dos individuos con números pares, cubridose así as espaldas ante un posible alboroto internacional, ademais de evitar insidiosas disputas ideolóxicas, según dixo o Ministro do Interior, ao tempo que, apuntaba algo entusiasmado o Ministro de Economía, mantería o presuposto do Ministerio de Propaganda cun discreto incremento de só, poñamos, un 2 ou 3 %, Señor Presidente.

Para evitar unha crise de goberno en tan delicada situación, o Ministro do Interior en persoa encargouse de revisar os documentos do gabinete e altos cargos de ministerios, correxindo numeracións disidentes antes de facer pública a medida, preservando a estabilidade do país e asegurando a gobernabilidade.

A prensa fíxose eco inmediatamente da polémica. Publicáronse toneladas de reportaxes a cor, columnas, cartas ao director e editoriais claramente posicionados, as tertulias enchéronse de expertos xuristas, matemáticos, psicólogos, sociólogos, politólogos, médicos e epistemólogos para determinar a gradación exacta da paridade do DNI, se o 2 era máis ou menos par que o 8, á vez que se ían atopando achádegos nas variacións de carácter debidas ao 6, o 8 e o 4 (considerados especialmente violentos), en moitas facultades celebrouse ter atopado ao fin unha hipótese explicativa tan potente para describir o conflicto social. Publicouse que un sindicalista insidioso portaba un provocador 222 final no seu DNI, non podía disimulalo o tipo, en todos os bares comentouse que ata se lle notaba na cara de mala hostia. A casuística encheu as conversacións e as imprentas. Dos crematorios non saíu nada.

Por: Saturámix